A Unidade de Enfermidade Inflamatoria Intestinal do servizo do Aparello Dixestivo do Hospital Álvaro Cunqueiro recibiu a certificación de calidade que concede o Grupo Español de Traballo en Enfermidade de Crohn e Colite Ulcerosa (GETECCU).
O conselleiro de Sanidade, Julio García Comesaña, que presidiu o acto de entrega da devandita certificación, felicitou ao servizo do Aparello Dixestivo do hospital e dixo que “trátase dun recoñecemento á excelencia da atención integral aos pacientes con estas patoloxías ofertada nesta unidade; unha distinción que sitúa ao hospital Álvaro Cunqueiro como centro de referencia e recoñece a calidade asistencial e investigadora desenvolta polos seus profesionais”.
O Programa de Certificación das Unidades de Atención Integral a pacientes con Enfermidade Inflamatoria é un proxecto desenvolto e impulsado por GETECCU e auditado por Bureau Veritas. O obxectivo é recoñecer cunha cualificación de excelencia a aquelas unidades de EII do país que aseguren a mellor prestación asistencial a pacientes con esta enfermidade. Está considerado o maior recoñecemento para estas unidades ao seu labor na atención da EII en España, situándoas como referente a nivel rexional e internacional.
Para o xefe de Servizo do Aparello Dixestivo do Chuvi, Ignacio Rodríguez Prada, a obtención desta acreditación “recoñece que o noso servizo está á altura das actuais expectativas dos usuarios. Creamos unha unidade de atención integral eficaz, eficiente, segura e que ofrece un servizo adecuado á demanda, co máximo nivel de dispoñibilidade e unha óptima accesibilidade”.