O Hospital Álvaro Cunqueiro pioneiro en contar cunha nova Unidade de Imaxe Cardíaca


O Hospital Álvaro Cunqueiro de Vigo ven de por en marcha unha nova Unidade de Imaxe Cardíaca, converténdose así no primeiro hospital de Europa que conta cun sistema de imaxe avanzada cardiolóxica co máximo nivel de integración, a través da incorporación dun novo equipamento de alta tecnoloxía específico.

Trátase dunha Unidade interdisciplinar, na que participan especialistas dos servizos de Cardioloxía e Radiodiagnóstico, que ten por obxecto incrementar a eficiencia e calidade dos estudos de imaxe avanzada cardiovascular –ao unir a experiencia de cardiólogos e radiólogos- e ampliar así a capacidade diagnóstica das patoloxías cardíacas grazas ao traballo coordinado entre ambas especialidades. Así mesmo, pretende tamén xerar coñecemento a través do fomento da investigación neste ámbito.

O xerente do Sergas, José Flores, acompañado polo xerente da Área Sanitaria de Vigo, Javier Puente, realizou unha visita a esta Unidade e subliñou que “este hospital xa é un centro sanitario de referencia en Imaxe Avanzada Cardiovascular tras a adquisición de tecnoloxía sanitaria innovadora, que permite, grazas a ferramentas como a Intelixencia artificial, a integración de todas as súas probas de imaxe nunha única plataforma. Así, a sanidade pública galega dispón da mellor información diagnóstica por imaxe cardiovascular que a tecnoloxía actual pode ofrecer, coa maior seguridade para o paciente e co obxectivo posto na excelencia diagnóstica e na decisión terapéutica precoz.”