En 1981, no principal hospital da Coruña realizouse o primeiro transplante de ril. Desde aquela, o agora Complexo Hospitalario Universitario da Coruña (CHUAC) levou a cabo máis de 6.000 transplantes de órganos do total dos case 8.000 realizados en Galicia.
O centro coruñés leva desde aquel ano superando marcas e situándose entre os hospitais con maior actividade transplantadora do Estado. Suma, en total, 807 transplantes de corazón, 643 de pulmón, 1.190 de fígado, 3.256 de ril e 104 de páncreas desde principios dos 80.
De feito, o pasado 2018 supuxo tamén un aumento nesta actividade, situándose a cifra total de transplantes na máis alto de toda a serie histórica cun total de 261, cinco máis que en 2017 e 26 máis que en 2016. Os números volven colocar o CHUAC entre os centros con máis cirurxías deste tipo no Estado malia competir con áreas sanitarias moito máis grandes en poboación.
As cifras bateron marcas en diferentes especialidades. Por exemplo, os programas de transplante renal e hepático levaron a cabo en 2018 a maior actividade da historia do hospital, con 131 e 70 actuacións respectivamente. Ademais, no que ten que ver co transplante de ril de doante vivo, as porcentaxes mantéñense no dobre que a media estatal.
Mellores son aínda os números nos transplantes cardíacos, con 25 inxertos, polo que o CHUAC sitúase no terceiro número en canto a esta actividade transplantadora. No que ten que ver co transplante pulmonar, 2018 chegou a 33 inxertos, máximo histórico nesta especialidade en todo o Estado.
Se importantes son os tranplantes, nada sería posible sen os doantes. Así, a taxa de doazón segue a incrementarse no CHUAC e en 2018 bateuse de novo o récord cun total de 68 doantes de órganos. O éxito neste aspecto, segundo destaca o Sergas, débese a varios factores, un deles, e básico, o importante descenso das negativas familiares.
