O hotel Bela Fisterra recibe o selo Galicia Calidade, por apostar pola xeotermia

Cedida.

O vicepresidente económico e conselleiro de Economía, Empresa e Innovación, Francisco Conde, acompañado da directora de Turismo de Galicia, Nava Castro, entregou ao hotel Bela Fisterra o selo Galicia Calidade pola súa instalación de xeotermia, levada a cabo pola empresa Energanova. Un distintivo que, tal e como apuntou, pon de manifesto a aposta de Galicia por esta enerxía renovable, ao mesmo tempo que fixo referencia ao paralelismo existente entre sustentabilidade e calidade.

Conde salientou o feito de que apostar por infraestruturas enerxeticamente eficientes no sector turístico contribúe a crear ambientes confortables e trasladar unha sensación de benestar que inflúe na experiencia turística. De feito, destacou que o uso da xeotermia permitiralle ao Bela Fisterra un aforro de máis de 5000 euros ao ano.

Neste sentido, o vicepresidente económico indicou que o obxectivo desta dobre certificación é distinguir, en colaboración coa Asociación Clúster da Xeotermia Galega (Acluxega), ás instalacións enerxéticas deste tipo realizadas por empresas galegas –como neste caso Energanova– que cumpran os máis altos estándares de calidade, garantía, eficiencia e fiabilidade.

Así, esta certificación, posta en marcha no 2018, busca xerar confianza, seguridade e satisfacción sobre este tipo de enerxía, favorecendo o crecemento do sector. Na actualidade, Galicia ten instalados e en funcionamento 40MW térmicos.