O I Circuíto Un Paso Máis enche de cor, diversión e solidariedade as rúas de Carballo

2 minutes read

Este domingo 20 de setembro, a contorna da Praza do Concello e o Xardín Municipal de Carballo convertéronse no epicentro da diversión e o deporte solidario coa celebración do I Circuíto Un Paso Máis. O evento, que combinou risas, movemento e un ambiente inmellorable, logrou reunir a 250 persoas dispostas a gozar dunha mañá inesquecible por unha boa causa.

Durante toda a xornada, que se desenvolveu entre as 11:00 e as 13:00 horas, viviuse un clima de diversión absoluta. Os participantes acumularon varios quilómetros nas súas solas despois de dar infinitas voltas a un circuíto cheo de obstáculos, música e animación continua para todas as idades. As rúas enchéronse de cor e retranca grazas aos disfraces máis alegres e orixinais, pero, sobre todo, grazas á gran vontade, enerxía e ánimo incombustible de todos os asistentes, que ata se atreveron a desafiar a auga que formou parte da festa.

Cómpre destacar que este evento persegue un obxectivo 100% solidario: toda a recadación obtida a través das inscricións destinarase integramente a apoiar os proxectos sociais, deportivos e inclusivos da Agrupación Deportiva Un Paso Máis, demostrando que facer deporte e axudar nunca foi tan divertido.

Desde a organización queremos expresar o noso máis sincero e profundo agradecemento ao Concello de Carballo e á agrupación de Protección Civil polo seu incansable traballo e dedicación, xa que foron unha parte indispensable para garantir a seguridade e o desenvolvemento desta gran festa, e un agradecemento moi especial a AXOBER, piar fundamental na edición de este ano. Así mesmo, damos as grazas ás empresas e entidades participantes que, de maneira totalmente desinteresada e autónoma, deseñaron e xestionaron as súas propias paradas para a delicia dos participantes. Por suposto, o noso agradecemento esténdese tamén a todas as empresas que xenerosamente doaron os produtos e servizos para o gran sorteo que se realizou ao rematar a proba entre todos os dorsais.

Dado o magnífico resultado e a incrible resposta do público, a Agrupación Deportiva Un Paso Máis anuncia que poñerá todo da súa man para que haxa unha segunda edición. Grazas a todos por dar o paso!