O I peKecrossfit Inclusivo do CCA Carballo pechou inscricións con 120 participantes

2 minutes read

O I peKecrossfit Inclusivo, organizado polo CCA Carballo, acollerá o domingo 4 de xaneiro a 120 nenos e nenas na carpa situada na Praza do Concello, consolidándose como unha iniciativa pioneira no calendario do CCA que combina deporte, diversión, inclusión e solidariedade.

A actividade, pensada para nenos e nenas menores de 12 anos, conta cun circuíto con probas de equilibrio, obstáculos, forza, axilidade, saltos e xogos cooperativos, deseñado para garantir unha experiencia segura, accesible e divertida. Ademais, se o tempo o permite, a entidade beneficiaria “Un Paso Máis” engadirá propostas de sensibilización, como fútbol con balóns sonoros e antifaces, que se desenvolverán na pista de fútbol de 13 a 14 horas, e de 18.30 a 19.30 horas, reforzando o carácter inclusivo da xornada.

Horarios e quendas de participación

A actividade desenvolverase en dobre horario, permitindo unha participación escalonada:

Pola mañá:

  • 12:00–12:15 h (necesidades de apoio)
  • 12:15–13:00 h
  • 13:00–13:15 h (necesidades de apoio)
  • 13:15–14:00 h

Pola tarde:

  • 17:00–17:15 h (necesidades de apoio)
  • 17:15–18:15 h
  • 18:15–18:30 h (necesidades de apoio)
  • 18:30–19:30 h

Cada quenda contará cun espazo reservado para participantes con necesidades de apoio e acompañamento, garantindo ritmos flexibles e unha adecuada adaptación ás súas necesidades.

O prazo de inscrición pechouse con 120 participantes, superando as expectativas da organización. O prezo simbólico de 3 €/persoa, que deberá ser aboado no stand da organización, destinarase integramente aos programas de inclusión de “Un Paso Máis”. Cada participante recibirá un peto conmemorativo desta primeira edición, e as 50 primeiras inscricións contarán cunha entrada dobre para o cine.

Colaboradores e agradecementos

O CCA Carballo quere expresar o seu agradecemento a todas as familias participantes e ás empresas e entidades colaboradoras, entre elas: Vázquez y Reino (patrocinador), Concello de Carballo, Gadis (avituallamento), Neumáticos Suso (material), Club Ciclista Carballo (apoio loxístico e material), AD Un Paso Máis (asesoramento, acompañamento e persoal voluntario), Brigada Municipal, Policía Local e persoas anónimas dispostas a colaborar e prestar apoio.  

O I peKecrossfit Inclusivo reafirma a aposta do CCA Carballo por promover hábitos de vida saudables, inclusión social e convivencia desde a infancia, transformando a Praza do Concello nun espazo de superación, deporte e diversión para todos e todas.