O primeiro torneo de xadrez sub2200 do Concello de Camariñas reparte 1.000 euros en premios

Torneo Xadrez_Concello de Camariñas

  • No campionato participaron 49 xogadores, sendo válido para Elo FIDE e FEDA

Os días 3 e 4 de xullo disputouse o I Torneo Concello de Camariñas sub2200, un torneo válido para Elo FIDE e FEDA con 6 roldas e que repartiu 1.000€ en premios máis trofeos. O torneo estaba encadrado dentro do campamento de verán que tivo lugar en Camariñas, desde o día 28 de xuño e ata o domingo día 4, cun total de 17 participantes.

No torneo participaron un total de 49 xogadores, destacando os favoritos Alberto Eyo e o MF Dan Cruz, de lugares moi dispersos como Ponferrada, Ourense, Vigo, Pontevedra, Ames, Santiago, Pobra do Caramiñal, Cambre, Coruña, Arteixo, Carballo, Muxía e Camariñas.

A emoción mantívose ata o final da rolda 6, coas 4 primeiras mesas loitando pola vitoria e 3 delas decididas nos apuros de tempo. Á última rolda chegaba líder Fran Pedreira con medio punto de vantaxe sobre 7 xogadores, tendo que enfrontarse a Eyo, número un da lista. A partida estivo moi disputada e nalgún momento parecía que Pedreira podía gañar, pero no final o xogador do Karpov de Pontevedra, Alberto Eyo, impúxose conseguindo 5 puntos e o primeiro posto por mellor desempate.

O MF Dan Cruz do Fontecarmoa de Vilagarcía quedaba segundo tras vencer, non sen apuros, a José Sar. En terceiro lugar quedou Heriberto Rubial, do Alzheimer Bierzo, tras vencer a José Otero. O cuarto e quinto postos foron para Fran Pedreira, de Sigrás, e Nicolás Jato, do Alzheimer Bierzo, respectivamente. O sexto posto foi para Antón Quintás da USC, que se conformou con táboas en posición gañadora. Víctor Carro do Alexandre Bóveda e David Cernadas do Marquiño quedaron nun sétimo e oitavo posto, con 4,5 puntos.

Completaron a lista dos premiados da xeral José Otero de Sigrás e Pedro Varela de Ames, nun noveno e décimo posto. Seguindo coa puntuación: 1º sub2000 para Carmen Menéndez do Alzheimer Bierzo; 1º sub1600 para José Sar do Cabo Touriñán; 1º veterano Anthony Gonsalves do Xiria Carballo; 1ª feminina Uxía Marrozos do Xiria Carballo; 1º sub18 Iván Muñoz do Amorne de Ponferrada; 1º sub16 Sergio Vilacoba do Xiria Carballo; 1º sub14 Noel Casares de Ames; 1º sub12 Daniel Méndez de xadrez Arteixo; 1º sub10 Sergio Calvo de Ames; 1º sub8 Daniel Manrique do xadrez Ourense. Os mellores locais foron 1º Marcos Martínez 17º, 2º Fernando Pablos 24º e 3º Alberto Luaces 45º.

Á clausura acudiron o concelleiro de Deportes, Fabián Canosa, e a alcaldesa de Camariñas, Sandra Ínsua, que ademais foron os encargados de repartir os premios mostrando o seu apoio ao torneo e ao campamento e a fomentar a práctica do xadrez no concello, que acollerá en outubro un torneo de rápidas do circuíto intercomarcal dentro das actividades da Mostra do Encaixe de Camariñas.