O Ibex 35 pecha a súa mellor semana desde 2008 cunha subida do 11%

O principal indicador da bolsa española subiu este venres algo máis dun 4 por cento e pechou moi preto dos oito mil puntos. A reactivación das grandes economías tralo parón polo coronavirus, os 600.000 millóns de euros destinados polo Banco Europeo á compra de débeda e os bos datos do emprego nos Estado Unidos foron determinantes nesta subida. O Ibex, que comezou a xornada á alza baixo os influxos da política monetaria, acelerou os ascensos ao coñecerse que a primeira economía do mundo creou 2,5 millóns de empregos o mes pasado. O selectivo español conclúe o venres cunha subida do 4% e, por primeira vez desde comezos de marzo, supera os 7.800 puntos. Na terceira semana consecutiva á alza, algo que non sucedía desde decembro de 2019, o Ibex avanza un 10,94%, a súa mellor semana desde novembro de 2008, cando subiu un 11,74%.