- O alcalde e o concelleiro de Cultura achegáronse este venres ata o instituto para facer entrega do material, cedido temporalmente
O IES Alfredo Brañas está de aniversario e, como non todos os días se cumpren 50 anos, o centro acollerá unha mostra con parte do legado doado polos descendentes do escritor carballés ao Concello. Este venres o alcalde, Evencio Ferrero, e o concelleiro de Cultura, Marcos Trigo, fixeron entrega do material á directora, Mónica Mariño.
Esta cesión temporal inclúe varios libros, entre eles unha primeira edición de “El Regionalismo” dedicado por Alfredo Brañas a súa nai; un exemplar de “Bálsamo de fierabrás” que asinou para el Enrique Labarta Pose, ou outro de “A campana d’Anllóns” que lle dedicou Eduardo Pondal. Na exposición que organizará o IES Alfredo Brañas tamén poderán verse cartas manuscritas enviadas polo escritor á súa nai entre os anos 1874 e 1899, partituras do seu “Himno Galego” e de “Aire gallego”, recortes de prensa ou a súa árbore xenealóxica.
A exposición tamén contará cun busto de Brañas, modelado pola artista local Isa Fernández, e un cadro do pintor local Miguel Anxo Calvo, O’Mighelo.