Este martes tivo lugar na Consellería de Sanidade, a celebración da gala de entrega de premios da primeira edición de ‘Reimagina la Ciencia en Galicia’, unha iniciativa organizada polo Instituto de Investigación Sanitaria de Santiago (IDIS) que busca achegar a medicina e os ensaios científicos aos máis novos. O programa estréase na comunidade autónoma galega cunha gran acollida grazas a unha participación de 1.047 estudantes procedentes de 33 centros de educación de secundaria de toda a rexión. Finalmente, resultou gañador o proxecto do IES de Ames (Bertamiráns), presentado polos estudantes deste centro educativo.
‘Reimagina la Ciencia’ chega por primeira vez a Galicia da man do Instituto de Investigación Sanitaria de Santiago (IDIS), a Axencia Galega de Coñecemento en Saúde da Xunta de Galicia, Novartis e Big Van Ciencia. Para optar ao premio, os alumnos presentaron proxectos nos que debían plasmar os coñecementos adquiridos sobre os ensaios científicos usando formatos disruptivos e variados como monólogos científicos, cancións, sketches teatralizados ou mesmo flashmobs.