O IES Maximino Romero de Lema participou o pasado 18 de outubro no Congreso de Coordinadores de Benestar e Convivencia organizado pola Consellería de Educación, amosando un proxecto exemplo de boas prácticas e transmisión de valores.
Os encargados de representar ao Centro foron Fina Paulos Lareo e Óscar Manuel Rey Calo, profesores de ensino secundario do departamento de informática no IES, que amosaron os proxectos de Intelixencia Artificial que elaboraron co alumnado e no que se traballan valores como: igualdade, solidariedade, empatía ou boas prácticas como a loita contra a homofobia ou contra a violencia de xénero así como o coidado do medio ambiente.
Para o IES representou unha boa ocasión para amosar unha das moitas liñas de traballo no eido do benestar e convivencia que se realizan polos distintos departamentos do Centro.
Fina e Óscar son dous profesores que durante o pasado curso presentaron os seus proxectos a diferentes premios e certames, co obxectivo de darlle visibilidade, fóra do IES, ao traballo feito na aula para, deste xeito, traballala motivación dos rapaces no ámbito STEM. No presente curso xa están inmersos en novos proxectos, que irán vendo a luz en vindeiras datas, demostrando que a IA é unha ferramenta facilitadora que nunca poderá substituir a labor do docente que debe continuar sendo sempre o guía do proceso de ensino aprendizaxe. A IA ben utilizada, pode xerar beneficios sociais e persoais de grande interese.
Participantes no Congreso_Cedida.