O IES de Baio presentou dous proxectos de tecnoloxía inclusiva na clausura de Talentos Inclusivos 2026

4 minutes read
  • Alumnado de Educación Dixital de 3º da ESO e do Ciclo Medio de Sistemas Microinformáticos e Redes (2º SMR) participaron na 6ª edición do programa impulsado polo CITIC da Universidade da Coruña, que tivo o seu acto de peche este mércores no Edificio Fontán da Cidade da Cultura en Santiago de Compostela.

O IES Maximino Romero de Lema foi un dos 16 centros educativos galegos que participaron este curso na sexta edición de Talentos Inclusivos, un programa para o fomento da innovación tecnolóxica e a inclusión social impulsado polo Centro de Investigación en Tecnoloxías da Información e as Comunicacións (CITIC) da Universidade da Coruña, en colaboración con entidades como ASPACE Coruña, APAMP, Cruz Vermella A Coruña e Amencer-ASPACE.
O acto de clausura celebrouse este mércores no Edificio Fontán da Cidade da Cultura de Santiago de Compostela, onde os equipos participantes amosaron os seus proxectos ante representantes institucionais, entre eles o Conselleiro de Educación, Ciencia, Universidades e FP, Román Rodríguez, acompañado de Judith Fernández, Directora Xeral de Ordenación e Innovación Educativa e Arturo Parrado, Director Xeral de Inclusión social, que destacaron a importancia de iniciativas que combinan creatividade e tecnoloxía ao servizo da autonomía e a calidade de vida das persoas con parálise cerebral.
AI TEMPO: un asistente visual e sonoro para a organización diaria
O alumnado de Educación Dixital de 3º da ESO desenvolveu AI TEMPO, un programa que actúa como guía visual e sonora para o día a día de persoas que se benefician de recordatorios claros e puntuais, como usuarios de centros de apoio.
O sistema funciona de xeito completamente autónomo desde que se acende o dispositivo ata que se apaga, sen necesidade de que o usuario toque nada. A actividade actual aparece resaltada nun panel cunha pantalla de alto contraste —texto en vermello sobre fondo negro— para que se vexa ben desde lonxe. Ademais, no momento exacto de empezar cada tarefa, o sistema emite unha voz gravada ou música que indica, por exemplo: «Son as dez, chegada ao centro». Estes textos sonoros foron xerados grazas á aplicación TTS-Nós.
O proxecto ofrece seguridade para quen non sabe ler o reloxo, xa que a persoa sabe en todo momento onde está na súa xornada sen depender de terceiros. Os audios e as actividades son totalmente personalizables e poden ser gravados por persoas coñecidas para que o usuario se sinta máis cómodo e seguro. Para a súa implementación, o sistema require unicamente un ordenador pequeno tipo Raspberry Pi, unha pequena pantalla conectada por HDMI, un altofalante bluetooth e unha tarxeta de memoria, para gardar os sons. O reloxo foi decorado con elementos artísticos baseados na obra “A noite estrelada” de Van Gogh, empregando para a súa elaboración recursos educativos de Polos Creativos, como a cortadora láser.


FALA ESPAZOS: o sistema que fai que as salas falen por si mesmas
O alumnado de 2º do Ciclo Medio de Sistemas Microinformáticos e Redes (2º SMR) presentou FALA ESPAZOS, un sistema de guía por voz deseñado para que as persoas con discapacidade visual poidan moverse libremente polas instalacións sen depender da axuda de terceiros.
O funcionamento é sinxelo e eficaz: unha cámara situada na entrada de cada sala detecta automaticamente con intelixencia artificial, cando unha persoa se achega sen necesidade de sensores complexos. Nese momento, o sistema reproduce un son que describe o contido da sala: que hai nela, como están organizados os mobles e que servizos se ofrecen. Antes de activarse, o sistema agarda uns segundos por se a persoa permanece só de paso, evitando así resultar molesto.
Desenvolvido especialmente para a Fundación Mencer, o sistema funciona de xeito continuo unha vez instalado, sen necesidade de supervisión nin mantemento. Os audios son 100% personalizables e pódense actualizar en calquera momento se a sala cambia de uso ou mobiliario. O hardware necesario é mínimo: un ordenador Raspberry Pi 5, unha cámara web e un altavoz Bluetooth. Pode conectarse un monitor para comprobar en tempo real a detección de persoas na sala.


Un exemplo de educación inclusiva e innovación tecnolóxica
Detrás destes dous proxectos está o traballo sostido ao longo de todo o curso escolar de Fina Paulos Lareo e Óscar Manuel Rey Calo, docentes coordinadores que acompañaron e guiaron ao seu alumnado en cada fase do proceso: desde a concepción inicial das ideas ata o desenvolvemento técnico e a presentación final no acto de clausura. Foron eles quen impulsaron a participación do centro no programa, integraron os proxectos no traballo de aula e mantiveron viva a motivación dos equipos durante meses de dedicación e esforzo compartido. Na súa labor contaron coa colaboración do profesor de Tecnoloxía Francisco Velo.
A participación do IES Maximino Romero de Lema en Talentos Inclusivos enmárcase dentro do compromiso do centro coa innovación educativa e a atención á diversidade. Os dous proxectos presentados amosan como o alumnado do centro, traballando en equipo con persoas con discapacidade, profesorado e investigadores do CITIC, é quen de desenvolver solucións tecnolóxicas reais con impacto directo na vida das persoas.
O conselleiro Román Rodríguez salientou que iniciativas coma esta responden «ao pé da letra» a varios eixos da Estratexia de inclusión educativa da Xunta, Eduinclusión 2030, en especial no que se refire ao aproveitamento das novas tecnoloxías e á colaboración con entidades e colectivos para desenvolver accións ao servizo da comunidade.