O IES de Baio, un dos cinco centros premiados por iniciativas de consumo responsable


A Xunta de Galicia vén de resolver os premios da 16ª edición de Consumópolis, un certame escolar impulsado desde a Vicepresidencia segunda e Consellería de Economía, Empresa e Innovación, a través do Instituto Galego do Consumo e da Competencia (IGCC), xunto coa Consellería de Cultura, Educación e Universidade. Así, foron un total de cinco os centros educativos galegos que lograron recoñecementos dentro das tres categorías que establece a iniciativa.

Este concurso, no que este ano participaron un total de 572 alumnos e alumnas, levou por título Consumópolis-16: Coida o teu planeta cun consumo + responsable, atréveste? O seu obxectivo principal baseouse no fomento dun consumo responsable entre os máis novos, a través dun percorrido pola cidade virtual de Consumópolis. Os equipos deberon estar formados por cinco alumnos ou alumnas respectando a paridade e cada equipo tivo que elaborar unha memoria do seu paso polo concurso ao remate das probas virtuais.

Dentro das tres categorías que establece o certame, o CEIP Lourido de Poio foi o gañador do primeiro e segundo premio no apartado de 5º e 6º curso de Educación Primaria, mentres que o terceiro premio concedéuselle ao CPR Plurilingüe Barreiro de Vigo.

No correspondente á categoría de 1º e 2º de Educación Secundaria Obrigatoria (ESO), o IES Maximino Romero de Lema (Zas) resultou gañador dos tres premios que se contemplaban.

Por último, na categoría dirixida ao alumnado de 3º e 4º curso de ESO ou de Formación Profesional Básica, o primeiro premio recaeu tamén no IES Maximino Romero de Lema, sendo o segundo para os estudantes do IES Cosme López Rodríguez, da Rúa, e o terceiro para os do IES de Vilamarín, do concello ourensá homónimo.

En todas as categorías concedéronse premios de 1000, 600 e 300 euros para os traballos clasificados respectivamente en primeiro, segundo e terceiro lugar. Os primeiros clasificados de cada unha representarán a Galicia na fase estatal de Consumópolis, organizada pola Dirección General de Consumo.