O IES Eduardo Pondal afronta novas incidencias nas obras do centro tras as intensas choivas

4 minutes read

Tras as intensas choivas rexistradas o pasado martes, o IES de Ponteceso apareceu ao día seguinte con diferentes espazos do centro anegados. Sala de profesores, baños, aula de debuxo, laboratorios, talleres e corredores quedaron afectados pola entrada de auga.

O persoal do centro tivo que dedicar boa parte da xornada ás tarefas de secado e limpeza, sen conseguir dar abasto ante a falta de persoal. A situación provocou sorpresa entre o alumnado, que se atopou con auga por diferentes zonas do instituto ao chegar ás aulas.

Problemas de seguridade na obra

Esta nova incidencia súmase, segundo denuncia a dirección, aos problemas de seguridade que se están producindo durante as obras que se están executando no centro. A dirección sinala a existencia de cancelas abertas que deberían permanecer pechadas, zonas que deberían estar valadas e non o están e alumnado circulando por espazos nos que hai escombros e chegando mesmo a sentarse nos andamios.

Desde o centro aseguran sentirse desbordados ante unha situación na que non poden estar continuamente pendentes de pechar ou asegurar os elementos que quedan abertos ou sen a protección necesaria tras os traballos.

A directora considera que a responsabilidade non debe recaer nos obreiros, que, segundo explica, «fan o que poden para os que son». Se están traballando no tellado, sinala, non poden simultaneamente encargarse de asegurar as valas. Ao seu xuízo, o problema está na falta de persoal e na ausencia dunha comunicación suficiente coa empresa concesionaria, así como na supervisión da propia obra.

Neste sentido, a dirección considera que corresponde á Xunta velar polo cumprimento das condicións de seguridade. Segundo explica, a responsable da unidade técnica visitou o centro o 4 de setembro. A directora descoñece se se produciron máis visitas e sinala que, de ser así, non se puxeron en contacto coa dirección. Tamén expresa a súa sorpresa por que desde a unidade técnica se considerase axeitada a perimetraxe existente.

As valas da entrada, outro foco de preocupación

Os problemas coas valas da obra xa se produciron con anterioridade. O pasado 16 de setembro, durante a tarde e coincidindo con fortes rachas de vento, as valas situadas na entrada principal caeron. Foi o persoal de limpeza o que se decatou do sucedido, estando  a piques de ser golpeado pola caída.

Este martes 29 de setembro, á hora de entrada no centro, docentes e persoal subalterno tiveron que asegurar novamente as valas con cordas para evitar que caesen. A Policía Local tamén tivo que colaborar para previr posibles incidentes.

Para a dirección resulta difícil de entender que unha obra que, segundo se anunciou inicialmente, estaría rematada antes do comezo do curso continúe a estas alturas sen unha data clara de finalización.

Goteiras cando chove e calor extrema cando sae o sol

As dificultades non se limitan á seguridade da obra. As choivas están a poñer de manifesto problemas de filtracións e entrada de auga no edificio. O falso teito, que xa fora substituído de urxencia no Nadal de 2023, terá que ser cambiado novamente tras resultar danado polas recentes choivas.

A dirección tamén alerta das condicións de temperatura que soporta a comunidade educativa durante os meses de calor. A pasada semana chegaron a rexistrarse 26 ºC pola mañá na sala de profesores, onde non dá o sol ata a tarde. O alumnado, engade a dirección,  soporta temperaturas moi elevadas.

O problema estaría relacionado co dobre lucernario situado no corredor, un elemento que precisamente está a ser substituído durante as obras. Porén, a solución prevista foi a instalación doutro dobre lucernario, algo que desde a dirección cuestionan polo efecto invernadoiro que se xera no interior do edificio.

«Vai calor xa ás 8:30 da mañá», sinala a directora, que considera que as condicións actuais tradúcense en calor extrema cando incide o sol.

A dirección reclama máis comunicación e participación

Desde o centro tamén cuestionan que a comunidade educativa non fose consultada na planificación dunha intervención destas características. A dirección considera especialmente necesario contar coa realidade diaria do instituto á hora de deseñar e executar unha obra de tal magnitude.

A directora reclama, en particular, maior comunicación coa empresa concesionaria. Segundo explica, coñece o nome da empresa porque aparece nas ferramentas utilizadas polos operarios, pero non porque lle fose comunicado formalmente desde a administración ou desde a propia empresa.

O centro pide así que se adopten medidas para garantir tanto a seguridade durante os traballos como unhas condicións adecuadas para alumnado e persoal. A pregunta que queda no aire, segundo a dirección, é se será necesario que se produza algún accidente para que se adopten medidas e se esixa á empresa concesionaria o cumprimento das condicións de seguridade. Mentres tanto, o alumnado continúa acudindo a un centro no que as obras conviven con escombros, valas, calor, filtracións e espazos anegados, nunha situación que a dirección considera incompatible coas condicións que merece a comunidade educativa.