O IES Eduardo Pondal de Ponteceso brilla no GaliciaSkills cun ouro e unha prata

Aarón, Alberto, Helena, Brais e Guille na gala de entrega de premios dos GaliciaSkills_cedida.

O IES Eduardo Pondal de Ponteceso volveu demostrar o talento e a paixón da súa Formación Profesional ao participar na nova edición do GaliciaSkills, o certame onde se miden as habilidades do alumnado de FP de toda Galicia. A gala de entrega de premios celebrouse este xoves, 30 de outubro, e o centro participou en cinco modalidades: Pintura, con Luis Guillermo González-Botas; Tecnoloxía do Automóbil, con Alberto Vieites; Tecnoloxía do Vehículo Industrial e Agrícola, con Brais Docampo; Carrozaría, con Aarón Pérez; e Atención Sociosanitaria, con Helena Vázquez.

Os titores destes participantes foron, respectivamente, Marcos López, Manuel García, Miguel Trashorras, Esteban Trigo e Eva Rodríguez, aínda que todos coinciden en que o mérito é compartido. “Nós fomos os titores, pero toda a familia de FP estivo implicada. Foi algo coral”, sinalan. “É unha experiencia esixente pero moi reconfortante, porque aprenden moitísimo, non só do oficio, senón tamén da convivencia e do compañeirismo.”

Durante o martes e o mércores tiveron lugar as probas, nas que o alumnado do Pondal deixou o listón ben alto. Helena Vázquez proclamouse campioa galega de Atención Sociosanitaria, conseguindo o ouro, o que a levará a competir no SpainSkills, mentres que Luis Guillermo González-Botas acadou a prata en Pintura. O resto de participantes, aínda que non subiron ao podio, coinciden en destacar “o moito aprendido e o ben que o pasaron”.

Helena amosouse emocionada: “Este logro non é individual; é de todo o equipo e das docentes que me formaron. Os coidados van máis alá dunha técnica: son escoitar, acompañar e poñer a humanidade no centro de cada acción. Gustaríame que esta experiencia servise para visibilizar e dignificar este labor, e inspirar unha sociedade máis xusta e solidaria.” Tamén quixo subliñar o valor da convivencia: “O mellor foi compartir estes días con xente doutros centros e tamén cos meus compañeiros, cos que apenas coincidía antes e cos que conxeniei moito.”

Pola súa parte, Guille González-Botas cóntanos: “Foi unha experiencia espectacular. Estou moi contento de ter participado e orgulloso do traballo realizado. Sempre hai marxe de mellora, pero estou moi satisfeito. Todo resultou máis levadeiro e divertido grazas ao traballo dos profesores que hai detrás, no meu caso o meu titor Marcos e Esteban como organizador, que deron o 100% para que chegase o mellor preparado posible.”

O estudante quixo destacar tamén o espírito de compañeirismo vivido durante a competición: “Fixen moi boa amizade cos rapaces cos que competía. Ser rivais non está reñido co compañeirismo. Lévome un bo sabor de boca: coñecín aos mellores profesionais do sector, traballei con ferramentas e produtos de primeiro nivel, aprendín a xestionar a presión e a ver outras formas de traballar. Repetiría sen dubidalo; paréceme un escaparate enorme que che fai ver máis alá das aulas e do traballo diario.”

A directora do centro, Clara Regueira, asistiu á gala e non podía ocultar o seu orgullo:

“Estou moi contenta, non só polas medallas, senón pola alta participación dun instituto do rural. Preparar estas probas require moitas horas, desprazamentos e esforzo tanto do profesorado coma do alumnado. Cada estudante contou cun titor moi implicado, e iso nótase no resultado.”

A experiencia, aseguran todos, foi intensa, enriquecedora e chea de aprendizaxes que van máis alá das aulas. O IES Eduardo Pondal volve a casa con medallas, pero sobre todo cun recordo compartido de esforzo, amizade e orgullo colectivo.

Related posts

O PSdeG amosa o seu «claro rexeitamento» ante as manifestacións de Paula Mouzo sobre a alcaldesa de Camariñas, Sandra Ínsua

O Concello de Zas abre o prazo de solicitude das Bolsas de Estudos para o curso 2025-2026

O BNG urxe á Xunta o pago da débeda contraída coas ortopedias da área sanitaria da Coruña-Cee