O IES Eduardo Pondal de Ponteceso recibe a visita dun grupo de estudantes alemáns

O IES Eduardo Pondal acolleu durante esta semana a visita dun grupo de estudantes alemáns no marco dun proxecto de intercambio educativo e cultural co obxectivo de fomentar o respecto, o entendemento mutuo e a convivencia entre a mocidade europea.

Durante a súa estancia, o alumnado alemán participou en diversas actividades organizadas polo centro e compartiu experiencias coas familias anfitrioas, vivindo en primeira persoa a realidade cotiá, cultural e social da Costa da Morte. A directora do IES, Clara Regueira, destacou que “este tipo de iniciativas enriquecen non só ao alumnado, senón tamén ás familias e á comunidade educativa no seu conxunto. É unha oportunidade para abrir horizontes e fortalecer os valores de solidariedade e respecto”.

No programa de actividades incluíronse visitas á aldea do Couto, berce de tradicións e memoria viva da comarca; a Malpica, onde o grupo coñeceu o labor das redeiras e a súa importancia no tecido económico e cultural local; e a vila de Laxe, cun percorrido guiado pola súa lonxa e o porto, onde descubriron o funcionamento do sector pesqueiro galego.

Ademais, os estudantes desprazáronse ás cidades de A Coruña e Santiago de Compostela. En A Coruña, visitaron a Torre de Hércules, o casco histórico e museos interactivos, mentres que en Santiago percorreron a praza do Obradoiro, a Catedral e as rúas cheas de historia da capital galega.

O intercambio foi posible grazas á colaboración entre o IES Eduardo Pondal e o centro educativo alemán Gymnasium Friedrich-List de Asperg , así como á implicación das familias e do profesorado. As actividades tiveron como eixo central do proxecto os usos da auga en Europa e a promoción da educación intercultural e a aprendizaxe compartida, fomentando tamén o uso das linguas estranxeiras en contextos reais.

Esta experiencia, segundo valoraron tanto os estudantes galegos como os alemáns, resultou profundamente enriquecedora e deixa unha pegada fonda que vai máis alá das aulas.

Related posts

A piscina municipal da Laracha permanecerá pechada por obras este venres 24 de abril

A Deputación da Coruña apoia o traballo de Senda Nova e de Mar de Fábula, entre outras 20 asociacións medioambientais

O alcalde da Laracha participou no Senado no Acto do sétimo aniversario da Manifestación da España Vaciada