O IES Fernando Blanco de Cee recoñecido polas súas boas prácticas en inclusión educativa


A Xunta de Galicia recoñece o traballo de oito centros educativos galegos co Premio Boas Prácticas de Educación Inclusiva 2021, convocados pola Consellería de Cultura, Educación e Universidade co obxectivo de impulsar a atención á diversidade e a inclusión educativa, difundir as boas prácticas así como recoñecer o labor que, neste sentido, está a desenvolverse actualmente nos centros educativos. Trátase, deste xeito, de promover unha escola que garanta o estímulo das capacidades de todo o alumnado e contribúa a creación de contornas e culturas inclusivas.

No caso da categoría B, destinada a Educación Secundaria Obrigatoria, Bacharelato, Formación Profesional, formación de persoas adultas e ensinanzas de réxime especial o accésit é para o instituto IES Fernando Blanco (Cee). O centro pon á disposición tanto do alumnado como de toda a comunidade educativa as ferramentas axeitadas para a eliminación de todas as barreiras que poidan obstaculizar o proceso de aprendizaxe de cada un dos seus alumnos, cun traballo en equipo no que, ademais da comunidade educativa, tamén se implican ás empresas locais.