O IES Maximino Romero de Lema de Baio acolleu unha charla sobre a represión franquista

O investigador e autor do arquivo “Represión (Mulleres, homes e homiños)”, Luis Sánchez Rodríguez, natural de Baio, impartiu este luns unha charla ao alumnado de 2º de bacharelato do IES Maximino Romero de Lema centrada na represión franquista en Galicia.

Durante a súa intervención, o relator abordou o contexto histórico do inicio da Guerra Civil Española e da posterior ditadura, facendo especial fincapé nas consecuencias que tivo para a poboación galega. Así mesmo, puxo sobre a mesa exemplos concretos de represión en concellos da contorna como Zas, Vimianzo e Laxe, onde veciños e veciñas foron fusilados, encarcerados ou obrigados a fuxir para salvar a vida.

A información exposta forma parte dun exhaustivo traballo de investigación desenvolvido ao longo de 14 anos e recollido no portal da Memoria da Coruña. Nesta base de datos figuran máis de 18.000 persoas vinculadas á represión, tanto vítimas como represores, converténdose nunha ferramenta fundamental para a recuperación da memoria histórica en Galicia.

A actividade permitiu ao alumnado achegarse a unha parte clave da historia recente desde unha perspectiva próxima e documentada, contribuíndo á reflexión crítica sobre o pasado.

Related posts

A Xunta vén de solicitar ao Goberno central que suspenda de inmediato a reforma do Regulamento de Costas 

O Concello da Laracha organizará un novo obradoiro dual de emprego coa colaboración da Xunta

O futuro da enxeñería aeroespacial deuse cita no aeródromo de Cerceda