O IES Maximino Romero de Lema de Baio celebra a súa XVII Semana Cultural

1 minutes read

A sombra de Francisco Fernández del Riego é alongada e espállase coma un abano sobre o IES Maximino Romero de Lema, e seguro que con ledicia por ver que a CULTURA GALEGA con maiúsculas será a gran protagonista a semana que discorre entre o 15 e o 19 de maio de 2023.
A XVII Semana Cultural ofrecerá múltiples e diversas actividades culturais que se abren á participación de toda a Comunidade Educativa do IES. O programa abrangue diferentes intereses: obradoiros de educación afectivo sexual, obradoiro de xogos romanos, obradoiro de edición fotográfica, obradoiro de xoiería.

«Charlas que nos achegarán coñecemento sobre unha boa multitude de eidos: identidade e sexualidade; os retos do emprego e do emprendemento; a saúde mental e o suicidio en adolescentes; o éxito tras o fracaso escolar; a alimentación para estudar nas mellores condicións posibles; como traballa o noso cerebro; cal é o papel da muller no mundo dos videoxogos…. Conectaremos co mar a través do surf, gozaremos da maxia da Ciencia e viviremos un simulacro de escarceración para concienciar sobre os accidentes de tráfico.
Tamén teremos ocasión de encontrarnos co Teatro, pois o grupo ELAS do IES Maximino Romero de Lema representará a obra O partido. Tampouco faltará a música da man do grupo Abril que poñerá o broche final a unha semana chea de cultura galega», conclúen dende o centro.