O IES Maximino Romero de Lema de Baio participou un ano máis no programa Talentos Inclusivos

O proxecto de Talentos inclusivos é un programa para o fomento da innovación tecnolóxica e a inclusión social impulsado pola Consellería Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional, en colaboración co Centro de Investigación en Tecnoloxías da Información e as Comunicacións (CITIC) da Universidade da Coruña e a Confederación Española de Asociacións de Atención ás Persoas con Parálise Cerebral (Aspace), por segundo ano consecutivo.

Nesta ocasión os retos plantexados e escollidos polo IES de Baio foron:

Para o alumnado de Educación Dixital de 3º da ESO elaborar un comunicador con pictogramas que, a través da tecnoloxía NFC, reproducise un son descritivo do mesmo. O resultado foi Maxiconecta.NFC, un proxecto no que tamén participou Polos Creativos do centro, xa que os pictogramas foron deseñados polo alumnado e impresos en madeira coa cortadora láser.

Para o alumnado de Intelixencia Artificial para a sociedade de 4º da ESO o reto foi elaborar un sistema para lembrar como usar os electrodomésticos a un usuario con Alzhéimer. Este proxecto estivo vencellado á Cruz Vermella de Galicia e e o resultado foi unha aplicación que fixo uso da IA para xerar as instrucións en outros idiomas. O resultado foi MemorIA.

O alumnado das materias de Intelixencia Artificial para a sociedade e Educación Dixital, acudiu ó Edificio Fontán, na cidade da cultura de Santiago de Compostela para dar a coñecer os traballos elaborados.

O “stand” foi visitado polo Conselleiro de Educación Román Rodriguez que felicitou ó noso alumnado pola resolución exitosa de ambos retos.

Ambas propostas son froito do traballo do alumnado, desenvolto durante este curso:

  • 3ºESO: Nuria, Artsiom, Giovana, Sabela, Alfonso, Manuel, Sara, Joel, Olalla, Leticia e Ángela.
  • 4ºESO:  Sergio, Lola, Ana, Nico, Carla Martinez, Carla Miñones, Manuel, Constanza, María, Alba, Lucas e Emmanuel.

Estiveron coordinados polos profesores Fina Paulos e Óscar Rey, docentes das materias de Intelixencia Artificial para a sociedade e Educación Dixital.

Dende o IES de Baio afirman que foi un orgullo volver a Talentos inclusivos que permite vencellar os contidos dos currículos de dúas materias de secundaria a este programa con clara vocación social, o que permitiu ao alumnado empatizar e achegarse a distintas realidades sociais aportando solucións que cambien as vidas das persoas.

Related posts

CCA Carballo | Tras o éxito da primeira xornada, este venres chega a segunda cita de ‘A voltas co cole’

Culminada a renovación integral da travesía de Ponte do Porto, entre Camariñas e Vimianzo

O IES Maximino Romero de Lema de Baio acollerá o 29 de setembro unha charla coa escritora Ledicia Costas