O pasado 10 de abril, o xurado constituído no Cuartel General do Mando de Apoio á Manobra (MAM) resolveu a fase rexional dos Premios Ejército 2026 na disciplina de Ensino Escolar, seleccionando os mellores proxectos presentados en Galicia e Asturias nas categorías de Educación Primaria, Educación Secundaria Obrigatoria e Educación Especial.
A elevada participación nesta edición pon de manifesto o interese do alumnado por coñecer e afondar nas múltiples actividades desenvolvidas polas unidades do Exército de Terra, así como pola historia e o patrimonio relacionados coas Forzas Armadas.
Na categoría de Educación Secundaria Obrigatoria (ESO), o centro gañador en Galicia foi o IES Maximino Romero de Lema, de Baio, co traballo titulado “España: la gran olvidada”, centrado na efeméride principal desta edición dos Premios Exército: o 250 aniversario da contribución militar española á independencia dos Estados Unidos de América.
Como recoñecemento ao seu traballo, Olalla, Gabriel, Mónica, Leticia e Giovanna, alumnado participante no proxecto, desprazouse onte, 7 de maio de 2026, ao Palacio de Capitanía General da Coruña para recoller os diplomas acreditativos que certifican o seu pase á fase final nacional dos Premios Exército 2026.
Durante a visita institucional, o alumnado tivo a oportunidade de coñecer diferentes dependencias do histórico edificio e compartir experiencias coas autoridades militares presentes sobre o proceso de elaboración do proxecto, así como sobre diversos aspectos relevantes da historia local da Coruña e da historia de España.
O alumnado estivo acompañado polo profesorado coordinador do proxecto: Francisco Bóveda, do Departamento de Economía, e Fina Paulos, docente da materia Intelixencia Artificial para a Sociedade e Óscar Rey.
Unha vez resolta a fase autonómica, os centros gañadores accederán á fase nacional dos Premios Exército 2026, cuxo fallo terá lugar entre os días 11 e 15 de maio de 2026.