O IES Pedra da Aguia de Camariñas gañou o concurso EU♥UE

O IES Pedra da Aguia de Camariñas gañou o concurso EU♥UE, convocado polo centro Europe Direct da Deputación da Coruña con motivo do Día de Europa. O deputado de Economía e Facenda, Antonio Leira, participou na reunión telemática na que se entregou o galardón.

Europe Direct A Coruña ven mantendo coas Escolas Embaixadoras do Parlamento Europeo en Galicia unha relación de estreita colaboración. Estes centros de ensino secundario forman parte do programa educativo impulsado polo Parlamento Europeo. No curso 2019/2020 hai 6 centros educativos en Galicia participando neste programa: IES Pedra da Aguia (Camariñas), IES Eusebio da Guarda (A Coruña), IES Valle-Inclán (Pontevedra), IES Poio (Poio), Colegio Vigo (Redondela) e Colexio Padre Feijóo Zorelle (Ourense).

Con ocasión do 9 de maio, Día de Europa, dando continuidade a esta colaboración, Europe Direct A Coruña convocou a I Edición do Concurso de ideas creativas “EU♥UE” dirixido ás Escolas Embaixadoras do Parlamento Europeo en Galicia. No concurso de ideas creativas “EU♥UE” participaron 5 dos 6 centros que son Escola Embaixadora do Parlamento Europeo, remitindo un total de 30 propostas nas que participaron 138 rapaces e rapazas e o seu profesorado. Todas as propostas foron recopiladas nunha libreta que foi enviada aos centros educativos en breve.

A proposta gañadora foi o vídeo “Viaxe virtual por Europa” remitido desde o centro IES Pedra da Aguia (Camariñas) por un grupo de tres rapazas baixo o pseudónimo “Canicas”.  As alumnas ganadoras foron Laura Sar, Noa Tedín e Andrea Rial.