- A mostra estará instalada na biblioteca do centro ata o 29 de abril
Dende este luns o alumnado do IES Terra de Soneira de Vimianzo pode visitar a exposición itinerante sobre a vida e obra de Enrique Labarta Pose instalada na biblioteca do centro.
Durante a inauguración da mostra a responsable da biblioteca e mestra do centro, Chus Barbeira, fixo unha breve introducción sobre a mesma, que estará no IES vimiancés ata o 29 de abril. Tamén aproveitou a ocasión para loar o traballo realizado pola Comisión Labarta Pose e polo Concello de Zas para que o escritor baiés teña o seu propio día das Letras Galegas. «Dende o IES Terra de Soneira queremos contribuír a divulgar a figura e a obra de Enrique Labarta Pose, por iso decimos traer esta mostra itinerante sobre a que traballaremos os vindeiros días», destacou a mestra.
No acto tamén estivo parte do equipo docente do centro educativo xunto aos rexedores de Zas e Vimianzo, Manuel Muíño e Mónica Rodríguez, respectivamente. Ambos felicitaron aos organizadores da exposición polo resultado convidando ao alumnado a empaparse de todos os detalles das obras dunha das figuras máis relevantes da comarca.
Despois desta parada a mostra itinerante de Enrique Labarta Pose viaxará de novo á cidade da Coruña.