O cambio climático leva anos afectando claramente a Península Ibérica. O que era unha sensación obvia vén avalada por numerosos datos e estudos, tamén da Axencia Estatal de Meteoroloxía (Aemet) que, xunto co Ministerio para a Transición Ecolóxica, presentou esta semana un avance do proxecto Open Data Climático, onde se recollen algunhas das evidencias do impacto do quecemento global nas catro últimas décadas. Outras son a desestacionalización dos incendios e o empeoramento dunhas condicións que favorecen a expansión das lapas e a maior perigosidade do lume, tal e como advertiron nos últimos anos outros informes referentes ao risco do fogo en Galicia ou Portugal.
Estoutra advertencia da Aemet sobre o impacto da mudanza climática chega a finais de marzo, con varios incendios activos en Galicia e un de enormes dimensións – case mil hectáreas queimadas – que afecta a Dodro e Rianxo. Con elevadas temperaturas para a época, fortes ventos e un monte e vexetación descoidada que exercen de perfecto combustible. Unha vez máis.