O inicio do curso escolar será o día 10, coa incorporación gradual do alumnado

2 minutes read

O curso escolar en Galicia comezará o 10 de setembro coa incorporación gradual do alumnado. Os primeiros en incorporarse ás aulas o xoves 10 serán os alumnos de 4º curso de Educación Infantil (3 anos) e 5º de Infantil; 1º, 2º e 3º de Educación Primaria; e Educación Especial. Ao día seguinte, o 11 de setembro, iniciarán o curso escolar os alumnos de 6º de Educación Infantil e os de 4º, 5º e 6º de Educación Primaria. Deste xeito, o venres día 11 estarían xa incorporados ás aulas a totalidade do alumnado das etapas de Infantil e Primaria.

Declaracións do secretario xeral técnico da Consellería de Educación, Jesús Oitavén.

No que atinxe ao resto das ensinanzas non universitarias, o inicio de curso tamén se mantén para o 16 de setembro e de xeito gradual. Ese día volverán ás aulas os alumnos de 1º e 2º de ESO e os de 1º de Bacharelato, 1º de FP Media e 1º de FP Superior; o día 17 de setembro farano os de 3º de ESO, de 2º de Bacharelato, 2º de FP Media e 2º de FP Superior; e finalmente o día 18 incorporarase o alumnado de 4º de ESO, e todos os cursos de FP Básica.

Este calendario gradual responde ao obxectivo de facilitar a organización por parte dos equipos directivos e a adaptación do alumnado ás novas dinámicas dos centros educativos, tal e como explicaron o secretario xeral técnico da Consellería de Educación, Universidade e Formación Profesional, Jesús Oitavén, e o director xeral de Asistencia sanitaria da Consellería de Sanidade, Jorge Aboal, nun encontro no que deron conta das principais novidades na volta ás aulas logo de incorporar, por unha banda, as cuestións acordadas a semana pasada entre o Goberno central e as CCAA, e por outra, as últimas indicacións do comité clínico de expertos que asesora ao Goberno galego en diferentes ámbitos desde que comezou a pandemia.