O inverno que remata rexistrou a menor cantidade de chuvia da década


Galicia viviu un inverno moi cálido e seco durante o que se rexistrou a menor cantidade de precipitacións da última década, xa que hai que remontarse ata o ano 2012 para atopar rexistros de chuvia aínda máis baixos. Así se conclúe no resumo do informe elaborado por MeteoGalicia sobre o inverno climatolóxico, que abrangue os meses de decembro, xaneiro e febreiro e ten en conta os datos recollidos nas estacións máis representativas da Comunidade así como a súa evolución durante o período de referencia 1981-2010.

No que respecta ao comportamento das temperaturas, o trimestre invernal foi moi cálido, algo ao que contribuíu sobre todo un decembro no que tanto as máximas como as mínimas se mantiveron en valores elevados durante case todo o mes. A temperatura media situouse en 10,8 graos, é dicir, 2,1 graos por riba do habitual, e o pasado decembro acabou sendo o terceiro mes máis cálido de toda a serie.

O ano 2022 comezou coa mesma tónica aínda que neste caso as maiores anomalías se rexistraron nas máximas, extremadamente cálidas para esta época. Pola contra, as temperaturas mínimas foron moi frías o que explica que no seu conxunto xaneiro fora un mes cálido. O predominio anticiclónico se mantivo tamén durante febreiro, outro período que segundo o informe de MeteoGalicia debe considerarse cálido, cunha anomalía positiva da temperatura media de 0,9 graos.