O investigador e catedrático Ángel Carracedo gaña o Premio Otero Pedrayo 2022


Organizado nesta edición 2022 pola Deputación da Coruña e convocado polas catro institucións provinciais e a Xunta de Galicia. É a primeira vez que se recoñece con este galardón unha traxectoria centrada na investigación médica e científica.

A candidatura de Ángel Carracedo partiu da propia Deputación da Coruña, representada polo deputado de Cultura, Xurxo Couto, quen defendeu a necesidade de recoñecer “unha das principais figuras da historia da ciencia galega e un home comprometido co seu tempo, disposto sempre a participar en liñas de traballo que contribúan á mellora da nosa sociedade”.

Ángel Carracedo
O profesor e investigador Ángel Carracedo naceu en 1955 no Concello de Santa Comba e é catedrático de Medicina Legal da Universidade de Santiago de Compostela cunha excelsa traxectoria que o converteu nun dos xenetistas máis relevantes a nivel internacional. Entre as súas investigacións pódense citar as que se centran na xenética do cancro, as enfermidades psiquiátricas en idade infantil, as enfermidades raras e a farmacoxenómica, ámbitos de traballo con especial repercusión na vida e na saúde das persoas.

As máis prestixiosas revistas internacionais recollen traballos da súa autoría e asina igualmente un amplo abano de obras ensaísticas e de investigación científica que o sitúan á cabeza da produción intelectual do seu ámbito.

Desde o ano 1994 é Director do Instituto de Medicina Legal da USC, un centro que situou, xunto co seu equipo, na vangarda das novas tecnoloxías de investigación en medicina forense por medio da xenética molecular, unha liña de traballo que continúa a realizarse en laboratorios de prestixio de todo o mundo.

Entre outros cargos e títulos, Angel Carracedo conta na súa traxectoria co de director da Fundación Pública Galega de Medicina Xenómica e do Centro Nacional de Xenotipado, presidente da Sociedade Española de Farmacoxenética e Farmacoxenómica, vicepresidente da Academia Internacional de Medicina Legal e presidente da International Society for Forensic Genetics.