O ISSGA forma en Arteixo a 20 persoas no manexo seguro de plataformas elevadoras


O Instituto de Seguridade e Saúde Laboral de Galicia (Issga) impartiu este luns no Polígono Industrial de Sabón o primeiro de dous cursos de 8 horas que se celebrarán en Arteixo sobre medidas de prevención na execución de traballos no sector da construción. Un total de 10 persoas participaron este luns na primeira destas actividades centrada en dar a coñecer mecanismos seguros na utilización de plataformas elevadoras móbiles de persoas (PEMP). Este martes celebrouse a segunda sesión dirixida a chamar a atención dos riscos das caídas en altura e as proteccións específicas para evitar danos na que tomaron parte outros 10 asistentes.
As PEMP son equipos nos que a persoa traballadora se despraza ata a posición axeitada para realizar traballos en altura e permanece nela mentres desenvolve as súas tarefas. A utilización inadecuada destas plataformas pode xerar riscos como envorcamento, caída de materiais sobre outras persoas, atrapamentos, contacto con liñas eléctricas, golpes, e mesmo caídas desde esa altura.