O Issga promove oito obradoiros para a prevención de riscos no coidado a dependentes

O Instituto Galego de Seguridade e Saúde Laboral (Issga), oferta ata o próximo mes de novembro, oito obradoiros gratuítos de 16 horas para fomentar o traballo seguro entre o persoal traballador de atención directa a persoas con dependencia e axuda no fogar.

Tras concluír a primeira acción en Burela esta semana, celebraranse cursos en Silleda (Pontevedra) desde o 4 de maio; en Sarreaus (Ourense), o 6 de maio; en Ferrol, a partires do 26 de maio; en Outes (A Coruña) desde o 27 de maio; en Tomiño (Pontevedra) e no Incio (Lugo) con comezo programado para setembro; e na Peroxa (Ourense), no mes de outubro.

A formación insírese no Plan de actuación do Issga para o ano 2023 e estrutúrase en catro xornadas nas que se imparten 16 horas de formación teórico-práctica para o colectivo. Trátase de promover o coñecemento para un traballo seguro tanto na atención directa de persoas con dependencia como para o traballo de axuda a domicilio, algo que repercutirá, especifica o Issga, tamén no benestar da persoa que recibe a atención.

O persoal que traballa no coidado de persoas dependentes presenta de xeito habitual trastornos de índole musculoesquelética. Ofrecer alternativas ao levantamento manual dos usuarios, en termos de axudas técnicas, formación e adecuación de espazos, é un dos obxectivos máis importantes deste programa de prevención.

Related posts

O Punto Rojo ponse en marcha en Baio con descontos, premios, moita actividade nas rúas e unha ruta de tapas

Rosa Otero recoñecida como Filla Adoptiva da Coruña

Aberto o prazo de inscrición no programa de voluntariado xuvenil da Laracha