O laboratorio de sanidade animal de Mabegondo realizou un 15% máis de ensaios en 2020


O laboratorio de sanidade animal de Mabegondo realizou no ano 2020 preto de 295.000 ensaios, dos que case 77.000 corresponderon a probas relacionadas coas campañas de saneamento gandeiro (tuberculose, brucelose, leucose e perineumonía) e algo máis de 217.000 aos programas das asociacións de defensa sanitaria gandeira (ADSG) de control da paratuberculose e a neosporose, entre outras doenzas.

En total, leváronse a cabo uns 45.000 ensaios máis que o ano anterior, o que supón un incremento do 15% en relación co exercicio de 2019. Así o destacou o director xeral de Gandaría, Agricultura e Industrias Agroalimentarias, José Balseiros, durante a súa visita a este centro dependente da Consellería do Medio Rural.

Este centro, xunto co de sanidade animal de Salcedo (Pontevedra) e o de Sanidade e Produción Animal de Galicia (Lasapaga, situado en Lugo) constitúen a rede de laboratorios da Consellería do Medio Rural. Os tres intégranse dun xeito coordinado nun sistema de xestión da calidade único.

O Lasapaga é o laboratorio principal, sendo os de Mabegondo e Salcedo centros de apoio para a realización de diagnósticos naquelas áreas nas que o traballo é mais intenso, como poden ser as campañas de saneamento gandeiro ou os programas de control sanitario das ADSG.