O Laracha CF prescinde de todo o persoal do primeiro equipo e do adestrador


O Laracha CF emitiu un comunicado este martes, tras a reunión da súa xunta directiva co primeiro plantel e o corpo técnico, no que afirma, moi ao seu pesar, que debido á situación xerada pola pandemia do coronavirus en todos os ámbitos, prescinde de todo o persoal do primeiro equipo e do seu adestrador Hector Pena García, sendo os xuvenís os que pasen a formar a nova aliñación deportiva do equipo.

Comunicado íntegro emitido polo club:

O Laracha club de fútbol, quere informar os socios e seguidores o seguinte: “Despois de diversas reunións entre a directiva, con corpo técnico, e xogadores para comentar a situación real producida pola actual pandemia, e diversas situacións derivadas de anteriores exercicios, deixou claro a todos eles, que debido á gran incerteza xerada ao redor da competición, non poderá garantir ningún tipo de compensación económica para esta tempada. Ante tal situación, vémonos obrigados a explicar con total claridade que para nós o máis importante é a viabilidade do club, para que os nenos do pobo poidan continuar a súa actividade. En calquera caso o club continúa vivo e buscando fórmulas para sementar os valores deportivos do futuro. A día de hoxe, e salvo rectificación ou comunicado diferente, a totalidade do persoal do primeiro equipo, e o seu adestrador Hector Pena, deixarán de formar parte do club. Os 6 xogadores que terminaban Edda xuvenil, e 16 compañeiros do persoal xuvenil ascenderán ao primeiro equipo, capitaneados por Roberto que se fará cargo de futuras planificacións. Son momentos duros nos que non deixaremos de traballar, para que o club siga ao servizo de toda Laracha”.