O líder do PSdeG pídelle á Xunta que «non tente facer caixa» co ingreso mínimo vital

1 minutes read
Cedida.

O secretario xeral do PSdeG, Gonzalo Caballero, reuniuse este venres co ministro de Inclusión, Seguridade Social e Migracións, José Luis Escrivá, para abordar a situación do ingreso mínimo vital (IMV).

Logo da xuntanza, Caballero pediulle ao presidente galego, Alberto Núñez Feijóo, que non pretenda “facer caixa co IMV” pedindo a xestión desta prestación cando non atende as solicitudes da axuda autonómica, a Renda de Inclusión Social de Galicia (Risga).

Gonzalo Caballero incidiu en que “a Xunta ten que dedicar todos os fondos que aforra na Risga ás persoas máis desfavorecidas e vulnerables”, a través de “programas complementarios para evitaren a pobreza e a desigualdade e para protexer as familias”.

En canto ao novo modelo de pensións, o máximo dirixente das e dos socialistas galegos puxo en valor o acordo co que o goberno de España “vai eliminar a chamada cláusula de sostenibilidade de Rajoy, que debilitaba a revalorización das pensións”, de xeito que os galegos e galegas “agora co goberno progresista van ter garantido por lei” a suba das pensións acorde ao IPC.