O lobo mariño ‘Leis’, atopado en Muxía, recupérase a bo ritmo


O Instituto Galego de Formación en Acuicultura (Igafa) acolle desde este xoves ao lobo mariño cincento Leis para a súa recuperación. Este exemplar macho de lobo mariño foi atopado o pasado 5 de xaneiro no areal de Leis, en Muxía, onde o persoal da Cemma lle fixo seguimento e ao día seguinte, en vistas de que non volvía ao mar e presentaba unha ferida, foi recollido para a súa rehabilitación. O equipo veterinario do centro que a organización ten en Nigrán certificou que se trataba dun exemplar de 22 quilos de peso e un metro de lonxitude que presentaba un cadro de anemia e múltiples feridas e laceracións atribuídas a un ataque dun animal carnívoro terrestre, probablemente un can.

A súa evolución foi favorable, o que lle permitiu gañar peso e quedar fóra de perigo, polo que superou a primeira fase da recuperación e se procedeu a trasladalo ao Igafa para superar a segunda fase, a previa á súa liberación no medio natural.

Deste xeito, Leis permanecerá varias semanas nunha piscina exterior de auga corrente salgada do Igafa e posteriormente será embarcado para a súa solta en alta mar. A manutención e a atención sanitaria do mamífero corresponderalle á Cemma, que contará coa participación voluntaria do alumnado e demais persoal do centro dependente da Consellería do Mar. De feito, este tipo de estadías de exemplares de lobo mariño adoitan aproveitarse para formar aos estudantes en aspectos relacionados co coidado dos mamíferos mariños.