O lume arrasa 15 vivendas e máis de 9.000 hectáreas de superficie en Galicia

1 minutes read

Galicia comezou a xornada deste luns con 16 incendios forestais que queimaron 9.140 hectáreas e 15 vivendas habitadas. Hai múltiples núcleos de poboación en risco nas provincias de Lugo e Ourense, segundo informa a Consellería do Medio Rural. A reactivación do incendio en Carballeda de Valdeorras, parroquia de Riodolas, que estaba estabilizado, multiplicou a área queimada. Houbo desaloxo de vivendas en varios puntos. Diferentes medios e a Unidade Militar de Emerxencias traballan sen descanso na zona, tamén en Folgoso do Courel e Palas de Rei.

O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, garantiu que o Goberno galego traballa con todos os efectivos e medios dispoñibles para controlar os incendios e agradeceu o traballo dos equipos de extinción.

A portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, traslada toda a solidariedade e agradecemento ás persoas que traballan na extinción de lumes, facendo un labor durísimo as veces con consecuencias dramáticas, como demostra o caso do brigadista falecido en Zamora. Tamén tivo palabras de apoio coa veciñanza directamente afectada polas lapas, moi particularmente coas familias que perderon as súa vivendas por mor dos lumes, até agora quince casas que arderon en San Martiño de Alixo no concello do Barco.

O viceportavoz do Grupo Socialista, Julio Torrado, reclamou máis medios para a loita contra os incendios forestais cando xa levan máis de 9.000 hectáreas calcinadas, incluíndo 15 vivendas, e máis de medio millar de persoas desprazadas. O responsable socialista urxiu á Xunta a acadar un acordo de país para reformular o modelo de loita contra os incendios e implantar un “servizo único, profesionalizado e plenamente equipado”.