O luns empeza a dobre vacinación fóra das residencias

2 minutes read

A Consellería de Sanidade finalizou este venres a vacinación en residencias de maiores e de persoas con discapacidade, ademais de maiores de 80 anos inmobilizados no seu domicilio, con 36.330 persoas vacinadas fronte á gripe e 33.900 contra a covid.

A campaña coordinada pola Dirección Xeral de Saúde Pública proseguirá o luns 16 de outubro co inicio da dobre vacinación de persoas con 80 ou máis anos, que están a ser citadas a través de mensaxes enviadas aos teléfonos de contacto nos centros de atención primaria, e a vacinación fronte á gripe de nenas e nenos de 6 a 59 meses, para quen as súas familias deberán solicitar cita nos centros de saúde onde se lles administrará a vacina.

Posteriormente, a partir do día 26 de outubro, comezará a dobre vacinación da franxa de idade de 70 a 79 anos nos grandes recintos, ademais de continuar vacinando nos domicilios de persoas inmobilizadas do mesmo grupo de idade. Desta forma, Sanidade prosegue o calendario da campaña de vacinación conxunta de gripe e covid ata chegar a todas as persoas maiores de 60 anos, embarazadas e mulleres durante o puerperio, persoas menores de 60 anos con condicións de risco, persoal de centros sanitarios e sociosanitarios, e persoas que traballan en servizos públicos esenciais como Forzas e Corpos de Seguridade do Estado, bombeiros ou Protección Civil.

A Consellería destaca que grazas á colaboración da poboación e do persoal da sanidade galega, a Dirección Xeral de Saúde Pública “aspira” a manter as porcentaxes de vacinación de anos anteriores, “que sitúan Galicia por encima da media nacional en todas as franxas de idade”. Segundo os datos de 2022 de cobertura fronte á gripe, vacinouse ao 81,42 % da cidadanía galega de máis de 75 anos.

Estás seguro de que quieres desbloquear este artículo?
Desbloquear izquierda : 0
Estás seguro de que quieres cancelar la suscripción?