- A comunidade educativa do Concello de Ponteceso intercambiou impresións e coñeceu o museo mais a vila.
O Museo de Arte Contemporánea Costa da Morte converteuse en epicentro da educación. A comunidade educativa do Concello de Ponteceso (persoal docente, nais, pais e departamento de orientación) intercambiou impresións con Juan de Vicente Abad, docente experto en resolución de conflitos, interculturalidade e convivencia escolar que, ademais, presentou o seu libro «Convivencia restaurativa. Aprender a convivir y a construir entornos de aprendizajes seguros».
Esta xornada foi organizada polo Centro de Formación e Recursos do Profesorado da Coruña no marco do Espazo Educar, un proxecto formativo cultural dirixido á comunidade escolar dos centros educativos, que ten por obxectivo que a educación se converta nun punto de encontro entre pais, nais, profesorado, alumnado e outras entidades da contorna. O alcalde de Ponteceso, ademais de docente, Lois García Carballido, asistiu á cita.
Ao remate do faladoiro, fíxose unha visita guiada polo museo e, tamén, un roteiro pola vila de Corme. O departamento de Turismo do Concello foi o encargado de organizar este último. O propio técnico local, Javier Couto, fixo de guía.
Dende o MACCMO aproveitan para trasladar que o vindeiro martes estarán pechadas as súas instalacións.
