O Museo de Arte Contemporánea da Costa da Morte converteu este verán a Corme e ao Concello de Ponteceso no punto de referencia e encontro da cultura e arte da comarca, entre outras moitas cousas vestindo a súa fachada cun mosaico formado por 55 lonas, no que a pegada artística dos veciños e veciñas de Ponteceso está presente.
Durante estes meses estivais o MACCMO acolleu multitude de actividades e exposicións, dinamizando así a cultura e arte non só galega, senón que tamén nacional.
Exposicións
Sen dúbida, a presentación da exposición «Abelenda- Íntimo e inédito», foi un dos acontecementos máis importantes que durante este verán acolleu o Museo de Arte Contemporánea da Costa da Morte. Unha exposición que se compón das creacións de Alfonso Abelenda, un dos grandes creadores plásticos galegos,, sendo a peza principal un gran cadro de 1997, titulado “Autorretrato ou máscara cos pinceis”, trátase dunha atrevida visión do último retrato: “A máscara mortuoria”. Este cadro tan só se expuxo ao público no seu funeral e agora dous anos despois no Museo de Arte Contemporánea da Costa da Morte.
Por outra banda, o MACCMO e grazas á colaboración da Asociación Cultural Ínsua de Viastela de Corme e o Concello de Ponteceso, achegou de novo os barcos á nosa comarca, coa exposición fotográfica «Barcos mercantes – pataches feitos na Ría do Anllóns – Unha ollada á construción nos estaleiros”.
“Un mar de relatos” e outras letras
As letras tamén estiveron presentes durante este verán no MACCMO, acollendo o ciclo de lectura de relatos curtos, organizado pola Asociación Cultural Ínsua de Viastela de Corme e enmarcado no programa “Un Mar de relatos”, que se levou a cabo todos os mércores do mes de xullo e agosto.
Pero tamén a través das presentacións que se desenvolveron de diversas obras literarias. Presentacións como a do libro «O tesouro de Brando» de Manuel Regueiro González Barros; do poemario «A estrela de Anís» de Encarnación Pisonero, presentado por Ánxeles Penas, tradutora ao galego da obra ou a presentación da obra «Cosas vivas» de Antonio Nieto Rodríguez. Tamén Mariña Regueiro escolleu o museo de Corme para presentar o seu libro, co-autora xunto con Rocío Utray, «Poemas e haikus” nos mesmos días nos que tamén levou a cabo, un ano máis, o curso intensivo de encaixe.
