O mal tempo causa estragos en boa parte de Europa

O paso dunha violenta tormenta por Europa do Leste deixou un panorama desolador. Polo menos dúas persoas faleceron en Moldavia e as intensas nevadas e os fortes ventos rexistrados no país, e na veciña Romanía, deixaron decenas de localidades sen electricidade e cuantiosos danos materiais. Numerosas estradas quedaron pechadas ao tráfico. 

En Bulgaria, a neve e o vento perturbaron a circulación de vehículos en varias rexións, e moitas das vías terrestres están pechadas. A situación esta fin de semana prevíase complicada, especialmente no norte de Bulgaria. 

A neve tamén chegou á maior parte de Serbia, retardando o tráfico e complicando de maneira notable a circulación. Nalgunhas rexións da nación balcánica o mal tempo provocou a interrupción da subministración eléctrica.

En Grecia, a tormenta retrocedía gradualmente este domingo. Os seus fortes ventos provocaron a suspensión da navegación e deixaron amarrados no porto numerosos transbordadores que estaban preparados para partir. Os meteorólogos prevén intensas nevadas en Istambul, choivas torrenciais na rexión oriental do mar Negro, e inundacións provocadas polas ondas do mar en varias cidades costeiras de Turquía, como Esmirna e Antalya.

Related posts

O Punto Rojo ponse en marcha en Baio con descontos, premios, moita actividade nas rúas e unha ruta de tapas

Rosa Otero recoñecida como Filla Adoptiva da Coruña

Aberto o prazo de inscrición no programa de voluntariado xuvenil da Laracha