Coincidindo coa Semana Europea da Prevención de Residuos, que se celebra do 20 ao 28 de novembro, o Concello de Carballo sumouse á campaña “O marrón, o contedor que devolve a vida”, impulsada por Sogama, co apoio da Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, para potenciar o uso do quinto contedor (de cor marrón). Carballo é, de feito, un dos tres concellos galegos pioneiros na implantación da recollida selectiva da denominada quinta fracción.
Este xoves instalouse na rúa Coruña un punto informativo, que estivo atendido por educadoras ambientais especializadas en xestión sostible de residuos, a fin de abundar nas boas prácticas vinculadas á redución, a reutilización e a reciclaxe e, máis especificamente, na importancia de valorizar a materia orgánica a través da súa transformación en compost de calidade. O alcalde, Evencio Ferrero, e o concelleiro de Obras e Servizos, Luis Lamas, achegáronse ata o stand para interesarse pola iniciativa e pola resposta da cidadanía.
As monitoras lembraron ao público o que debe e non debe depositarse no colector marrón, e resolveron as dúbidas trasladadas pola cidadanía en relación á correcta xestión dos refugallos urbanos. Así mesmo, ao longo da xornada repartiron bolsas de compost producido na planta de compostaxe de Sogama e diverso material informativo e promocional.