- O boneco visitará diversos puntos do municipio para espallar o sentimento festivo
O Concello de Cabana de Bergantiños, nunha nova aposta por dinamizar as actividades culturais de Entroido a pesar da complicada situación sanitaria vixente, levará o seu particular ‘meco’ por todas as parroquias do municipio.
Baixo o título ‘O meco troulea por Cabana’, o departamento de Cultura levará o espantallo de Entroido deste ano por diversos puntos destacados de toda a vila para animar aos veciños durante estas festividades. Este venres visitará o dolmen de Dombate, as igrexas de Corcoesto, de Anos, a praia de Rebordelo ou o CPI As Revoltas.
Co ánimo de respectar as medidas sanitarias vixentes e evitar as aglomeracións de persoas, o meco non permanecerá exposto nestas localizacións. Porén, a veciñanza poderá seguir a viaxe do mesmo polo concello mediante as redes sociais municipais, onde se irán colgando fotografías que documenten a experiencia.