- O Mercadillo celebrarase do 28 ao 30 de agosto, nas mesmas datas que Berocasión e coincidindo co feirón do domingo 30
Volve o Mercadillo do Centro Comercial Aberto (CCA) ou, mellor dito, o “Merca e Dillo”, como se anuncia nos carteis desta atípica edición. “Meditouse moito se levalo a cabo ou non”, recoñeceu este xoves na presentación da actividade o presidente do Centro Comercial Aberto, Ricardo Pallas. Finalmente a organización optou por mantelo pero celebrándoo nos propios comercios para “evitar masificacións” e, ao mesmo tempo, poñer en valor todas as medidas de prevención da COVID-19. O que non cambia, como sinalou o presidente do CCA, é que se ofrecerán “os mellores prezos posibles”.
Pallas estivo acompañado na presentación por outros membros da xunta directiva e polo alcalde de Carballo, Evencio Ferrero, quen reiterou o compromiso do goberno municipal cun sector estratéxico para a economía local. “Carballo é comercio, é un punto de encontro e de compras, e é importante que a xente veña e merque”, dixo.
O Mercadillo celebrarase do 28 ao 30 de agosto, nas mesmas datas que Berocasión e coincidindo co feirón do domingo 30. Os 31 establecementos participantes estarán abertos o venres e o sábado de 10:00 a 14:00 e de 17:00 a 20:30 horas, e o domingo, de 10:00 a 14:00. Entre as novidades tamén figura un sorteo de tres premios de 300 euros.
