O Mercado Cultural de Fisterra será unha realidade


A obra suporá un investimento de 253.000 euros, dos que o preto de 80% serán achegados pola Deputación para facer realidade este ambicioso proxecto, que pretende dotar a Fisterra dun equipamento sociocultural do que carece na actualidade, o que obriga a desenvolver determinadas actividades culturais no Salón de Plenos do Concello, cunha capacidade moi limitada e serios problemas de accesibilidade.

O presidente da Deputación da Coruña, Valentín González Formoso, e o tenente alcalde de Fisterra, Xan Carlos Sar, asinaron este venres na sede da institución provincial o convenio para o financiamento das obras.

O novo centro sociocultural aproveitará a planta alta do actual Mercado Mariñeiro, onde se seguirán comercializando os produtos do mar da localidade.
A planta superior, actualmente sen uso, conta cunha ampla superficie de 353 metros cadrados e acceso directo dende o nivel da rúa nas súas fachadas oeste (rúa Arasolis) e norte (rúa da Mariña), o que permitirá unha axeitada accesibilidade a todos os públicos.

As obras de adaptación do inmoble permitirán crear un auditorio con capacidade para 198 persoas, para usos sociais e culturais. O espazo contará cun escenario elevado e sistemas de iluminación e ventilación. Ademáis habilitarase un local para ensaios e unha sala de xuntas.