- Promoverase o pago dos medios electrónicos e limitarase o aforo nas distintas naves
A Xunta de Goberno Local de Santiago de Compostela, nunha sesión extraordinaria celebrada na mañá deste mércores, acordou remitir á sociedade cooperativa xestora do Mercado de Abastos a adopción, de xeito inmediato, de medidas preventivas fronte aos riscos derivados do COVID-19. Tamén se estableceron as normas para a realización de mudanzas.
Entre algunhas das medidas que se deberán adoptar destacan que os traballadores non deberán ir a traballar con síntomas ou se tiveron contacto con algún infectado; deberase manter unha distancia social de máis dun metro; os traballadores contarán con equipos de protección individual; procederase a unha desinfección de todos os elementos que poidan entrar en contacto cos clientes; promoverase o pago dos medios electrónicos (tarxeta, móbil) e limitarase o aforo a 32 ou 43 persoas dependendo da nave.
A Xunta de Goberno tamén adoptou medidas en relación á ocupación da vía pública, autorizando as solicitudes de mudanzas sempre que se cumpran unha serie de medidas que non poñan en perigo a saúde dos residentes do inmoble no que se levarán a cabo. Informarase á veciñanza da actividade proxectada e adoptaranse as medidas de protección establecidas na regulación de riscos laborais e especialmente as aprobadas polo Goberno por mor da crise sanitaria motivada pola COVID-19.
A Concellaría de Mobilidade e Seguridade Cidadá remitirá por correo electrónico a correspondente autorización no caso de que se cumpran todas as condicións para a mesma.