- A Xunta de Goberno sacou adiante as obras para rehabilitar integralmente o edificio e aprobou a convocatoria para o curso que vén das Bolsas comedor
A Xunta de Goberno aprobou este martes as obras de rehabilitación do mercado de Durmideiras, que deixarán a planta baixa como de compra-venda cun espazo para uso social no medio e coa planta alta «polivalente» para a que non están determinados os seus usos.
O proxecto enmárcase dentro da Estratexia EidusCoruña, que está financiada nun 80% polo Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional (Feder) no marco do eixo de desenvolvemento urbano do Programa Operativo Plurirrexional de España (POPE) 2014-2020″. Nel, liberarase o espazo interior de ambas as plantas, de xeito que a de arriba quedará diáfana e apta para albergar calquera tipo de evento promovido pola veciñanza. Na de abaixo, reorganizaranse o conxunto de postos e trasladaranse ao centro para que a fachada sexa totalmente aberta á rúa. O edificio acristalarase en todo o seu perímetro co fin de darlle unha maior visibilidade á actividade comercial.
Por outra parte, na xunta sacaron adiante unha nova convocatoria por parte de Benestar Social das bolsas comedor para o curso 2020-2021, en que as persoas solicitantes serán as e os escolares, polo que se comprobarán as débedas deles e non as dos seus proxenitores e nas que se aumentará a renda per cápita das persoas usuarias aos 7.000 euros.
Ademais, adxudicáronse varios dos lotes que forman parte do programa de itinerarios formativos de «Coruña Suma», o proxecto do Servizo Municipal de Emprego co que o Goberno local busca a inserción no mercado de persoas que teñen dificultades para conseguila, a través da activación e especialización nos sectores con máis saídas laborais. Os novos lotes formativos englóbanse dentro dun contrato valorado en 2.657.308,38 millóns de euros.