- Os postos recolocaranse no soto do edificio, que está previsto que volva abrir o martes
A empresa Desarrolla Obras y Servicios comezará na vindeira semana as obras de reforma no Mercado Municipal de Carballo, que teñen como obxectivo revitalizar as dependencias e adaptar as instalacións ás demandas de comerciantes e usuarios. Para poder facilitar o desenvolvemento das actuacións, que contan cun presuposto de 171.989’40 euros, desde esta fin de semana e ata o luns está previsto realizar o traslado dos postos desde a planta superior ata o soto. Salvo imprevistos, o Mercado Municipal volverá abrir as súas portas o martes 9 pero xa no seu emprazamento provisional
No proxecto contémplase a redistribución dos postos ou a reorganización dos almacéns do semisoto para darlles acceso directo dende o garaxe. Máis en detalle, o goberno local sinalou que «as panadarías e a queixería cambiarán de situación coas froiterías, o que permitirá crear tamén novos postos para a comercialización de produtos locais. Ampliaranse tres carnizarías e unha peixería, e crearase unha nova zona de degustación vinculada a un novo establecemento de hostalaría». Tamén se procederá á creación de novos servizos como conserxería ou sala de lactancia. O prazo de execución das obras é de 45 días.
O Mercado Municipal ten un índice de ocupación do 50% e unha oferta baseada na calidade e nos produtos de proximidade, dúas características que xogan a favor da vila de Carballo xunto coas feiras e mercados dos xoves e domingos.