- A xornada informativa coincidiu coa instalación no edificio de novas papeleiras de reciclaxe
As concellarías de Feiras e Mercados e Medio Ambiente do Concello de Carballo desenvolveron este xoves unha campaña de concienciación sobre a correcta separación dos residuos en orixe. O posto informativo estivo instalado toda a mañá no Mercado Municipal e por el pasaron numerosos veciños e veciñas para recoller bolsas de compostaxe, funís para o aceite, compost e, sobre todo, para sumarse á iniciativa de compostaxe doméstico que se desenvolve na zona rural.
A participación en calquera dos programas, tanto o Ti tes a chave na zona urbana coma o de compostaxe doméstica na rural, está aberta de xeito permanente. Para sumarse ao primeiro abonda por pasar polas oficinas da empresa concesionaria do servizo de recollida de residuos, situadas nas galerías da rúa Desiderio Varela, número 34, ou cubrir este formulario. En canto á solicitude dun composteiro para vivendas do rural cunha parcela mínima de 50 metros cadrados só hai que descargar o impreso de solicitude e presentalo no Rexistro Municipal.
A presenza do stand informativo no Mercado Municipal tamén coincidiu coa instalación de novas papeleiras de reciclaxe no edificio. Contan con tres compartimentos: un para papel e pequenos envases de cartón, outro para envases de plástico e un terceiro para materia orgánica.