O mercado municipal de Carballo será sede dunha nova edición de MercaEscola

Daniel Pérez e Ramón Varela, no acto de presentación_cc.

A Concellaría de Feiras e Mercados do Concello de Carballo pon en marcha unha nova edición de MercaEscola, un programa formativo e informativo dirixido a persoas adultas que converterá a Sala Cervantes do Mercado Municipal nun espazo de aprendizaxe, reflexión e convivencia entre o 2 de marzo e o 25 de maio. O concelleiro delegado da área, Ramón Varela, e o alcalde, Daniel Pérez, presentaron o programa deste ano.

A programación, composta por 13 actividades, estrutúrase arredor de catro grandes bloques temáticos: consumo, saúde, servizos públicos e medio ambiente, cun formato aberto e participativo que busca achegar ferramentas prácticas para o día a día ao tempo que promove o mercado como un lugar vivo, útil e comunitario.

A participación en todas as actividades é de balde, con prazas limitadas, e require inscrición a través da ligazón que atoparedes na web municipal.

MercaEscola inclúe charlas, obradoiros, sesións informativas, proxeccións e saídas guiadas. Entre os temas que se abordarán destacan os dereitos das persoas consumidoras, a seguridade viaria, a saúde do río Anllóns, a xestión do ciclo da auga, a menopausia, os dereitos nas subministracións do fogar, os servizos financeiros e bancarios ou a compostaxe doméstica.

O programa tamén incorpora propostas orientadas ao benestar persoal, como unha sesión de mindfulness, e actividades de divulgación e coñecemento do territorio, como a visita guiada á parroquia de Aldemunde, a máis pequena do concello.

O concelleiro de Feiras e Mercados, Ramón Varela, destacou que “MercaEscola é unha forma de achegar o mercado á veciñanza desde outro enfoque: como un espazo onde tamén se vén aprender, informarse e compartir. Con esta programación queremos dinamizar o Mercado Municipal e facer que a cidadanía o sinta como algo propio, útil e vivo ao longo de todo o ano.”

“Con MercaEscola facemos do Mercado Municipal un espazo útil, vivo e participativo, que vai máis alá da compra diaria: é un punto de encontro onde a veciñanza pode aprender, informarse e compartir experiencias sobre cuestións que nos afectan a todos, como o consumo, a saúde ou o coidado do medio ambiente”, engadiu o alcalde.

A iniciativa conta coa colaboración das áreas municipais de Cultura e Festas, Servizos e Medio Ambiente, Mobilidade e Policía, Arquivos e Bibliotecas e Comunicación, así como coa participación de profesionais e entidades como o Instituto Galego de Consumo e da Competencia (IGCC), o Grupo de Investigación en Cambio Ambiental e Paleobioloxía da UDC (GRICA-BIOpast), o reumatólogo Francisco Blanco, Aqí&Agora Centro de Mindfulness, Gestagua e Rocío Díaz Fisioterapia.

Calendario de actividades

As actividades celebraranse todos os luns dos meses de marzo, abril e maio, sempre ás 17.00 horas, e, agás excepcións, desenvolveranse na sala Cervantes do mercado municipal.

  • Coñece e defende os teus dereitos como consumidor/a

Programa Consumo en ruta – Instituto Galego de Consumo e da Competencia (IGCC)

2 de marzo | 17.00 h | Sala Cervantes

  • Proxección da curtametraxe “Adeus, Berta” e coloquio

Película dirixida por Fernando Tato

9 de marzo | 17.00 h | Sala Cervantes

  • Charla-coloquio co reumatólogo Francisco Blanco

16 de marzo | 17.00 h | Sala Cervantes

  • A xestión do ciclo da auga

Visita ás oficinas de Gestagua

23 de marzo | 17.00 h | Rúa Río Ulla, 2

  • Menopausia e solo pélvico

Sesión informativa con Rocío Díaz (fisioterapeuta, especialista en saúde da muller)

30 de marzo | 17.00 h | Sala Cervantes

  • Os teus dereitos nas subministracións do fogar

Programa Consumo en ruta – IGCC

6 de abril | 17.00 h | Sala Cervantes

  • A saúde do río Anllóns

Obradoiro teórico-práctico co Grupo de Investigación en Cambio Ambiental e Paleobioloxía (GRICA-BIOpast) da UDC

13 de abril | 17.00 h | Sala Cervantes

  • Visita guiada ao arquivo do Concello de Carballo

“Paseo documental e fotográfico pola historia do noso concello”

20 de abril | 17.00 h | Arquivo municipal

  • Charla sobre seguridade viaria

A cargo de axentes da Policía Local

27 de abril | 17.00 h | Sala Cervantes

  • Servizos financeiros e bancarios

Programa Consumo en ruta – Instituto Galego de Consumo e da Competencia (IGCC)

4 de maio | 17.00 h | Sala Cervantes

  • Compostaxe doméstica

Charla teórico-práctica sobre programas de compostaxe doméstica e ‘Ti tes a chave’, do Concello de Carballo

11 de maio | 17.00 h | Sala Cervantes

  • Sesión de mindfulness

Con Teresa Vilanova, de Aqí&Agora Centro de Mindfulness

18 de maio | 17.00 h | Sala Cervantes

  • Visita guiada a Aldemunde

Achegamento á parroquia máis pequena do concello de Carballo (duración aprox. 2 horas).

25 de maio | 17.00 h | Saída do mercado

Related posts

Asinado en Mazaricos un convenio para acondicionar máis de setenta quilómetros da senda do Xallas

O grupo socialista propón 25 actuacións para mellorar Muxía de cara ao POS+2026

O BNG esixe responsabilidades á Xunta ante o «desastre natural advertido» en Monte Neme