O mercado municipal de Pontecesures acolle a exposición “Galicia, a radio e o Camiño”, unha mostra con catro paneis explicativos e varios equipos (radios antigas, magnetófonos…) que poderá ser visitada pola veciñanza ata o vindeiro 3 de outubro. Pontecesures foi un dos concellos seleccionados (canda Paradela, Samos, Palas de Rei e Portomarín) para acoller esta acción cultural financiada polo Xacobeo 21-22, a través do programa O Teu Xacobeo, e pola cadea Si Radio de Galicia.
Unha emisora que este venres grava un programa de radio sobre o Camiño de Santiago e Pontecesures no propio mercado municipal, onde se instalou un set de radio. O alcalde de Pontecesures, Juan Manuel Vidal Seage, será unha das persoas entrevistadas no programa. Os paneis da exposición recollen dende unha breve historia da radio, ata unha escolma de profesionais do medio e das radios dispoñibles nos camiños Xacobeos.