- A cita do CCA Carballo celebrarase do 11 ao 13 de setembro en Rego da Balsa, con descontos de ata o 80%, 21 stands e 16 comercios que se suman desde os seus propios locais
O MercaEdillo do CCA Carballo cambia o paso nesta edición. Por primeira vez desde o seu nacemento, a feira adianta a súa apertura ao venres pola mañá, unha decisión coa que a entidade busca facilitar que a clientela poida adiantar as súas compras, repartir a afluencia ao longo da fin de semana e, ao mesmo tempo, dinamizar as vendas desde o primeiro día.
Así, do 11 ao 13 de setembro, a zona do Rego da Balsa volverá converterse nun gran escaparate comercial ao aire libre, con propostas de máis dunha trintena de establecementos e descontos de ata o 80% en moda, calzado, deporte, alimentación, xoguetes, complementos, segunda man e moito máis.
A gran novidade desta edición radica en que o venres 11 a actividade comezará xa ás 10.00 horas, polo que as persoas visitantes non terán que agardar á tarde para achegarse ao MercaEdillo. “Queremos probar unha fórmula diferente que permita adiantar as compras, facilitar o acceso á feira e favorecer que os comercios poidan comezar a campaña de vendas desde primeira hora”, así o explicou esta mañá a presidenta do CCA Silvana Rama durante o acto de presentación que tivo lugar esta mesma mañá na Casa do Concello.
O cambio responde tamén á vontade do CCA de facer evolucionar o formato da feira e adaptalo ás necesidades tanto dos establecementos como da súa clientela. Máis horas, máis oportunidades e unha maior distribución das visitas ao longo das tres xornadas.
Unha feira que se estende por todo Carballo
O MercaEdillo contará este ano con 21 stands no recinto do Rego da Balsa, aos que se sumarán 16 establecementos que participarán desde os seus propios locais. En total, máis de 35 negocios estarán implicados directamente nunha das principais citas comerciais do calendario carballés.
“O MercaEdillo é unha cita consolidada porque detrás hai un comercio local dinámico, que sabe renovarse e buscar novas fórmulas para atraer público. Desde o Concello queremos seguir acompañando ese esforzo, porque cada persoa que escolle mercar en Carballo está contribuíndo a manter actividade económica, emprego e vida nas nosas rúas. E iso é especialmente importante nunha vila que sempre tivo no comercio e nas feiras unha parte esencial da súa identidade”, sinalou o alcalde, Daniel Pérez.
Moda, calzado, moda infantil, deporte, complementos, alimentación, xoguetería, segunda man, produtos personalizados e outras propostas formarán parte dunha oferta pensada para atopar auténticas oportunidades, con descontos de ata o 80%.
A participación desde os propios establecementos permite, ademais, incorporar á campaña negocios que por cuestións de persoal, espazo ou loxística non poden instalar un posto no recinto. Deste xeito, o MercaEdillo mantén o seu corazón no Rego da Balsa pero esténdese tamén polas rúas comerciais da vila, reforzando a idea de Carballo como un auténtico centro comercial aberto.
A coincidencia do domingo coa feira tradicional de Carballo será tamén unha oportunidade para incrementar o movemento de persoas pola vila e fortalecer a relación entre o comercio, o mercado e a actividade económica local.
Neste senso, o concelleiro de Feiras e Mercados Ramón Varela destacou que “O MercaEdillo encaixa perfectamente co xeito no que entendemos a dinamización comercial en Carballo: creando motivos para vir á vila, quedar, mercar e percorrer as nosas rúas. Ademais, a coincidencia da feira permítenos sumar dous dos grandes motores de actividade e xerar un fluxo de persoas do que se vai beneficiar todo o comercio local”.
O MercaEdillo 2026 incorpora, ademais, novas propostas para o público infantil. O sábado pola tarde será a quenda dos obradoiros de galletas artesanais, unha actividade dirixida por Dobbo´s Cookies, pensada para que os nenos e nenas poidan experimentar, crear e divertirse arredor da elaboración de galletas.
Haberá dúas quendas de 45 minutos, a primeira das 18.30 ás 19.15 horas e a segunda das 19.30 ás 20.15 horas.
A actividade estará dirixida a nenos e nenas de 5 a 10 anos, debido ás características e ao manexo dos materiais empregados. Para garantir un correcto desenvolvemento do obradoiro, o aforo estará limitado a un máximo de 8 participantes por quenda.
Domingo de Pequefeira
E o domingo 13 volverá unha das actividades máis singulares do MercaEdillo: a VI Pequefeira, que se desenvolverá de 12.00 a 14.00 horas.
Durante dúas horas, o recinto do Rego da Balsa converterase nun pequeno mercado no que os nenos e nenas serán os protagonistas. Poderán poñerse detrás do mostrador e vivir a experiencia de ser comerciantes por un día, ofrecendo produtos elaborados por eles mesmos ou artigos que recompilen nos seus fogares.
A Pequefeira busca achegar os máis pequenos ao mundo do comercio dun xeito lúdico, fomentando a creatividade, a autonomía e o intercambio, ao tempo que lles permite coñecer de primeira man unha actividade tan ligada á identidade de Carballo.
Para participar nesta actividade así como no obradoiro de galletas será necesaria inscrición previa enviando un correo a info@ccacarballo.com, cos datos de contacto, nome, apelidos e idade do participante. A actividade estará condicionada á inscrición dun número mínimo de participantes.
A inscrición e participación nas actividades implica a autorización expresa por parte do pai, nai ou representante legal para a captación e utilización de imaxes e vídeos dos menores durante o desenvolvemento do obradoiro, así como para a súa difusión nos medios de comunicación locais, na páxina web e nos perfís de redes sociais do CCA Carballo, sempre no marco da información e promoción das actividades da entidade.
Comercio Compensa
O MercaEdillo sumarase tamén á campaña autonómica Comercio Compensa, impulsada pola Xunta de Galicia para fomentar hábitos de consumo máis responsables, sostibles e respectuosos coa contorna. A iniciativa contará cun posto informativo no propio recinto da feira e terá unha presenza especial o sábado 12, a partir das 11.00 horas, coa visita do director xeral de Comercio e Consumo, Gabriel Alén, que participará na presentación da campaña e realizará posteriormente un percorrido polo MercaEdillo.
Comercio Compensa pon o foco na importancia das decisións que tomamos cada día como consumidores e anima a apostar polo comercio e os produtos de proximidade, alongar a vida útil dos artigos, reducir o uso de envases innecesarios e optar por bolsas reutilizables.
Como parte desta acción, todas as persoas que realicen as súas compras no MercaEdillo poderán levar de agasallo unha bolsa de tea coa imaxe da campaña, ata esgotar existencias.
O MercaEdillo volverá contar coa colaboración da Xunta de Galicia, a través da Dirección Xeral de Comercio e Consumo, a área de Promoción Económica e Turismo da Deputación da Coruña e Concello de Carballo, así como co apoio da Policía Local, Protección Civil e Brigada Municipal de Obras.
Desde o CCA Carballo animan á veciñanza e ás persoas que se acheguen á vila durante a fin de semana a aproveitar o novo horario e percorrer tanto os stands do Rego da Balsa como os establecementos participantes desde os seus propios locais.
HORARIOS DO MERCAEDILLO
Venres 11: 10.00–14.00 h | 16.30–20.30 h
Sábado 12: 10.00–14.00 h | 16.30–20.30 h
Domingo 13: 10.00–14.00 h | 16.30–19.00 h
Obradoiros de galletas artesanais: sábado 12, ás 18.30 e 19.30 h.
VI Pequefeira: domingo 13, de 12.00 a 14.00 h.
ESTABLECEMENTOS PARTICIPANTES NO REGO DA BALSA
A Fragua · Akira · Atelier · Atmósfera Sport · Benetton · Buy&Sell · Casa Curtis · Ceibo Café de Especialidade · Dobbo’s Cookies · DV Carballo · La Casita de Lu · Madeixalazos · Merliño Xoguetería · Moda Suárez · O Barco dos Soños · www.regalosypersonalizados.com · Retoños · Sweet Spirit · UPA! Espazo Barefoot · Zocas · Zuccaro.
ESTABLECEMENTOS PARTICIPANTES DESDE OS SEUS LOCAIS
A Saia da Carolina · Aloe Herboristería · Cenor · Confecciones San Juan · Doces Soños · D&A Complementos · Ekaté · Emiliano Moda · Jorge Moda · Lenda · Lencería Mª José · Necos Moda Infantil · Ópticalia Enríquez · Refugallo Zero · Teirón · Zapatillería Isabel.
