- Os organizadores cancelaran as actividades lúdicas este martes por «falta de respecto institucional»
A incerteza, o enfado e a confusión inundaron as casas de centos de veciños da vila de Muxía tras coñecer este martes que a Comisión de Festas suspendía os actos lúdicos por «falta de respecto institucional». Sen embargo, semella que se obrou un milagre posto que, un día máis tarde desa cancelación, e a tan só dous do inicio dunha das romarías máis importantes de toda Galicia, os organizadores comunicaron que finalmente si haberá actuacións lúdicas grazas á «avalancha de doazóns» -que están sendo recollidas nas instalacións de Protección Civil- e «xestos altruístas» que se realizaron durante toda a xornada.
Nas últimas horas as redes sociais do Concello de Muxía, de grupos privados da xente da vila e tamén da Comisión de Festas víronse inundadas de reclamacións, de insultos e mesmo de ameazas tras coñecer a cancelación da programación. Desde o Goberno local e da organización do evento culparon disto á negativa da oposición de aprobar no último pleno unha subvención para dita festividade, se ben desde o Partido Popular emitiron un comunicado alegando que «o pleno non ten poder para quitar nin dar permisos» para realizar calquera evento.
Desde a Comisión sinalan que as festas da Barca volverán outro ano máis grazas a que «fogueteiros, músicos e demais artistas participantes queren aportar parte dos seus honorarios para desbloquear a situación, facendo máis épica que nunca esa sentencia de só o pobo salva ao pobo».
Muxía pasará ao nivel medio durante a madrugada do sábado debido ao descenso de casos activos por coronavirus, rexistrando este mércores 16, aínda que para evitar aglomeracións e botellóns contarase con estritos protocolos de seguridade e hixiénico-sanitarios, ademais de que arredor de 50 voluntarios e voluntarias de Protección Civil de toda a provincia desprazaranse cara o municipio muxián para contribuír a que sexa a Barca «máis segura que se recorda».
A procesión do domingo terá lugar despois da misa das 13:00 horas e o seu percorrido tan só chegará ata o Porto. Será obrigatorio o emprego da mascarilla.